28 de agosto de 2009
VIII NOITES DA LUA MEIGA
27 de agosto de 2009
VIII FESTIVAL REBUMBIO
Os días 28 e 29 de Agosto celebrarase a oitava edición do Festival Rebumbio, que coma tódolos anos se realiza no monte do Rebullón, na parroquia de Tameiga, en Mos.
O festival arrincará o venres 28cunha troula gaiteira ata altas horas da madrugada.
O sábado, día grande do Festival, comezará coa sesión vermú mais delirante que se poida ver na Galiza, coa actuación dos Veraneantes, a charanga emerxente formada por diversos músicos galegos vidos dende formacións tales coma Cuchufellos, Tres trebóns, The Turre´s band, Quempallou...
Pola noite, ás 22:30 poderase desfrutar cos concertos de escenario de The Turre´s band, Os tres trebóns e amigos, Dakidarria e Ulträqäns.
Cabe destacar que coma tódolos anos a entrada é de balde,e o festival se realizara nun recinto cuberto por unha gran carpa; ademais, este ano como novidade haberá con zona de aparcamento.
http://www.gaiteirosgalegos.com
Urbanismo de penalti. Xosé Manuel Pereiro
A algún deportivista ocorreríaselle agora encargarlle a Djukic a execución dun penalti decisivo, ou un celtista a Afasto? Pois iso é o que pretende o Goberno galego co urbanismo: deixalo -aínda máis- en mans dos Concellos. Cunha diferenza a favor de Djukic e de Afasto: que os seus erros, aínda que de grandes consecuencias, foron puntuais, e desde logo, involuntarios. Con todo, o dos municipios e a ordenación urbana, sen entrar na involuntariedad, é, salvo contadas e coñecidas excepcións, a historia dun fracaso contumaz e en todas as ordes posibles.
No que se refire á ordenación urbanística, temos cidades con atascos crecentes a pesar da poboación decreciente, densidades de poboación de metrópoles e servizos como o transporte público con menores prestacións que hai décadas. Temos zonas teoricamente rurais cunha planificación con resultados semellantes a arroxar un quilo de arroz sobre o tapete dunha mesa de billar. Desde o punto de vista da arquitectura, a destrución e o desprezo do patrimonio e a escaseza de medidas para paliar o chamado feísmo chaman a atención mesmo a cidadáns de países que quedaron arrasados nas guerras mundiais. A construccionorrea que é o asombro de Europa non serviu, en contraste coa lei da oferta e a demanda, para facer a vivenda máis accesible aos cidadáns. E o que é aínda máis sorprendente, aqueles que xa a teñen e necesitan facer calquera reforma descobren que é moito máis lento tramitar o permiso para remocicar unha cociña que levantar un conxunto residencial. En resumo, institucións tan devotas das obras cultivaron un fracaso cuádruplo: urbanístico, arquitectónico, social e burocrático.
Imos agora cos matices. é certo que o desastre afunde as súas raíces no franquismo e na combinación letal de ignorancia, cobiza e impunidade que imperaba naquel tempo. Pero xa entón os maiores desaforamentos non se cometeron ao abrigo das leis do sector, senón grazas a que saltarllas saía gratis a quen tiña o amparo das autoridades locais. E non parece que o establecemento da democracia mine a influencia daqueles tres factores. Tamén é verdade que a lexislación urbanística é abstrusa, complexa e moitas veces pouco adecuada aos tempos. E non o é menos que os intentos de modernizala, desde a Lei do Solo que promoveu no seu día Xosé Cuiña até as recentes Normas do Hábitat tiveron a oposición dos concellos. No primeiro caso mesmo despois de participar na súa elaboración; no segundo, protestando até contra a mellora da calidade das vivendas. Tampouco é que o caos urbanístico sexa específico de Galicia, pero en toda a fachada atlántica, desde Tromsø (Noruega) a Sagres (Portugal), non hai nada comparable á nosa desfeita.
Por último e quizá máis importante, é evidente que este panorama é posible grazas á permisividad -e a complicidade electoral- de boa parte da cidadanía, que ve a ineficacia, ou mesmo a corrupción, con fatalismo ou coa coherencia de quen non critica que se cometan irregularidades porque espera poderse acoller a elas, se chegase o caso. Posiblemente débase á herdanza combinada de ser un país descabezado politicamente e cunha exhaustiva ocupación do territorio, o que orixinou o sentimento de que "ou que é de cada un é de cada un, e ou que é de todos é de ninguén". Desgraciadamente, o presente institucional non é un catálogo de exemplos a seguir. Decisións como a da Deputación de Pontevedra de adxudicarlle soldo de vicepresidente ao ex alcalde popular de Gondomar, condenado por prevaricación urbanística e xefe de dous concelleiros sorprendidos cando regateaban a extorsión a un construtor, son dun alto valor pedagóxico para a cidadanía: as leis están para non cumprilas, empezando polas autoridades, e no infrecuente caso de que o asunto acabe en sentenza, aquí están as institucións para pór a cada un no lugar que se merece. Aos pirómanos, no corpo de bombeiros, como acredita, cambiando de siglas pero sen saír de Gondomar, a circunstancia de que o novo responsable de urbanismo, un concelleiro parasocialista, contruyó ilegalmente unha nave.
E finalicemos coas escusas. A primeira, a de que os Concellos non teñen outros ingresos que os derivados das licenzas de obra, soa a aquilo de que máis vale pedir que roubar. A segunda é que hai que respectar a autonomía municipal. Se fose certo o pragmatismo desideologizado do que fai bandeira a Xunta, os Concellos poderían ter competencias en política exterior, defensa ou acuñación de moeda. En calquera cousa propia ou allea ao municipal, excepto en urbanismo. Por aquilo que dixo Mark Twain de que era mellor ter a boca pechada e parecer estúpido que abrila e disipar a dúbida.
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Urbanismo/penalti/elpepuespgal/20090827elpgal_10/Tes
En Irlanda son de Carlos Núñez
O gaiteiro vigués foi premiado nos “Ireland's Music Awards” como “Mellor Artista Continental”.
O máis prestixioso certame de música tradicional en Irlanda, o “Ireland's Music Awards”, mirou este ano para Vigo. O gaiteiro Carlos Núñez impúxose na categoría de mellor artista continental, onde competía con Salsa Céltica, Capercaille, Flook, Bellowhead e Mike McGoldrick. O premio ao “Mellor Artista Continental” concedése a aqueles artistas europeos, non irlandeses, máis destacados.
A música de Núñez é moi ben acollida en terras irlandesas. De feito, hai poucos meses o gaiteiro galego presentou no National Concert Hall de Dublín o seu último disco “Alborada do Brasil”, entre os asistentes estaba a propia presidenta irlandesa, Mary MacAleese.
http://www.vieiros.com/nova/75994/en-irlanda-son-de-carlos-nunez
Maís concerto de aCF no Festival dos Abrazos

En plenas festas galegas -Sta. María, o Santísimo, San Roque,...- aCF recomenda para este final de semana, os concertos que co-organiza no Festival dos Abrazos: "A gaita vai á igrexa" de Suso Vaamonde e Ernesto Campos o luns 24, "Cidades imaxinarias" da Cía infantil da AFI o xoves 27; Óscar Fernández o venres 28; Pandereteiras de Laxoso e Linho do cuco o sábado 29 no fin de festa dos Abrazos.
Para ver máis detalles destas actuacións, ide á axenda folque seguindo esta ligazón:
http://www.folque.com/actualidade/axenda.php?lg=gal
Web do Festival dos Abrazos
21 de julho de 2009
"DESCARGA AO VIVO". Cuba-Galiza 09
Intérpretes:
Alejandro Vargas (piano e teclados)
Raciel Jiménez (batería)
José Manuel Díaz (contrabaixo)
Adonis Ríos (percusións)
Pedro Pascual (acordeón diatónico e bouzouki)
Marcos Teira (guitarra flamenca)
Edelmiro Fernández (gaita)
Quim Farinha (violín)
Óscar Fernández (zanfona)
Xabier Díaz (voz e percusión)
Pablo Castanho (saxo)
Ugia Pedreira (voz)
Guadi Galego (voz)
Pablo Pascual (clarinete baixo)
Gutier Álvarez (violín)
http://www.myspace.com/acentralfolque
16 de julho de 2009
X FOlk DE RAÍZ. Callobre 2009
Lembrade haberá pulpeiro, sitio de acampada, artesáns, queimada, e moita FESTA….. Tamén hai autobús dende a praza da farola a Callobre ás 22:30 e ás 23:30h o xoves e o venres, regreso as 03:30h ¡!!!Por favor reenviade este correo a máis xente. ¡!!!!!!!SAÚDOS.A.C. REGATOS
30 de junho de 2009
GALICIA NO XXXIX FESTIVAL DE LORIENT 2009
Galicia será este ano a protagonista do 39 Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, que se vai desenvolver do 31 de xullo ao 9 de agosto. Xa se coñece a programación que se vai desenvolver no pavillón instalado por Turgalicia, e que terá case mil metros cadrados de superficie.
No pavillón galego potenciarase a personalidade propia do noso país como destino turístico. Así, informarase e difundirase a oferta turística, con especial fincapé no Xacobeo 2010, e haberá degustacións gastronómicas, exhibicións de artesanía e, por suposto, actuacións musicais: 24 espectáculos diferentes ao longo do certame.
Están previstos concertos de:
24 de junho de 2009
X MEMORIAL RICARDO PORTELA
O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza o Memorial Ricardo Portela, que este ano camiña pola súa décima edición. Durante os días 11 e 12 de Xullo, celebraranse, na praza de Ourense e na praza da Peregrina, as diferentes actividades.
8 de junho de 2009
Concerto Cuarteto "O Chupacabras"
29 de maio de 2009
26 de maio de 2009
A vivenda do presidente da Xunta. Manuel Gallego Jorreto
21 de maio de 2009
"O do feísmo é unha caricatura hipócrita". MANUEL GALLEGO JORRETO
Gallego contactou con Baltar e Suances en Madrid, onde foi alumno do pontevedrés Alejandro de la Sota. En 1967 marchou de bolseiro a París para estudiar técnicas de urbanismo. Postos a falar da súa arquitectura, adóitase falar de cómo enxerga a idea de lugar, a noción de tempo e memoria e a luz, tanxible a través da néboa, como "ausencia presente". Que matiza formas rotundas cunha noción moi precisa dos límites - "as cousas suceden nos bordes", di- en intervencións urbanas que aproveitan os elementos do entorno. Dun xeito reduccionista, dise que que intenta reciclar na mesma escala a súa infancia no Incio -o seu tío era aparellador- e as vellas promesas da vangarda.
"De la Sota é un exemplo claro", di. "Construíu en Madrid e, porén, é o arquitecto que máis actitudes galegas recolle. Unha escola galega como tal non existe, pero esa universalización da cor, os volumes e as superficies si que se transmite". Á volta de Francia, Gallego fixo amizade con Luís Seoane e Díaz Pardo. "Non se pode desvencellar a arquitectura da vida. A concepción do espazo e do lugar, os materiais, cómo sente un home de aquí a paisaxe... Púxenme a estudiar os valores sensibles da miña cultura. Aí empezaron a atárseme cabos".
Deses cabos resultaron obras coma o Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María, na Coruña, ou as Casas de Cultura de Valdoviño ou Chantada. A última, o complexo de Presidencia en Monte Pío. Nos últimos anos traballou para concellos, con froitos diversos. O proxecto do Museo do Papel do Carballiño non se aprobou, e leva dez anos traballando na remodelación da zona vella da Illa de Arousa, a partir dunha antiga fábrica de conservas, acción que simultanea coa construción dun centro cultural no corazón do casco vello ourensán.
"Crear espazos é como facer tempos", di Gallego. "Cando desaparece a luz desaparece a materia, e vaise cara espazos sen dimensión propia, con luz artificial. Iso cambia todo. A min a que me interesa é a arquitectura da vida. Se falamos de Eisenman, aí cultura e realidade teñen pouco que ver". Sobre o espectáculo, e como experto en urbanismo, Gallego fala tamén do feísmo. "Dáme rabia porque é unha caricatura hipócrita. ¿Que pasa coas grandes actuacións, a especulación inmobiliaria, a destrucción da paisaxe agraria e do litoral? Eu non cualifico a arquitectura por fea ou bonita".
19 de maio de 2009
Centro Social en Sta. Cristina de Fecha. Arquitecto Pedro de llano cabado
Centro social en Sta. Cristina de Fecha, Santiago de Compostela.
Poucas veces temos a oportunidade de ver un proxecto arquitectónico, realizado no noso rural, que consiga unha perfecta integración paisaxística, unha lectura culta de como asentarse no territorio e unha vocación formal e estética que nos aproxima aos principios xeneradores da nosa arquitectura popular ademáis de enlazarnos cos principios da vangarda. Dende a sencillez formal e técnica chégase a un resultado culto de respeto polo pasado apostando polo futuro.
Autor: Pedro de llano cabado. Arquitecto.
Fotografía:http://www.plusarquitectura.info/
27 de março de 2009
26 de março de 2009
Autopista, unha navallada á nosa terra» Llorenç Soler, 1977
Este documentário, que mostra a barbárie modernizadora em ação na nossa terra, é obra do cineasta Llorenç Soler, que também filmou um documentário acerca da destruição do monte comum na Galiza em "O monte é noso". A construção da Autopistas del Atlántico, foi uma grade navalhada à nossa terra, que acentuou a desertização da Galiza do Leste e do rural. Mas também foi o cenário de luitas de resistência de um povo digno, luitas populares e baptiço de fogo de Luita Armanda Revolucionária (L.A.R.)
Podedes ver o documental en : http://flocos.tv/curta/autopista-unha-navallada-a-nosa-terra/alta/
Vía: http://chuza.org/historia/o-magnifico-documentario-autopista-unha-navallada-a-terra-disponivel-na-rede/
25 de março de 2009
TEATROFILIA 2009. VEDRA

* Haberá funcións teatrais tódolos venres (ás 21.15 h), sábados (ás 21.15 h) e domingos (ás 19.15 h) de entre o 13 de marzo e o 5 de abril. A función infantil será o 29 de marzo ás 16.00 h: coas actuacións de distintos grupos de teatro infantís da comarca. Para información detallada sobre as actuacións, pincha sobre a imaxe da esquerda para ver o cartel en maior tamaño.
Nesta edición como xa se está a facer costume participarán grupos amadores de grande nivel e tamén se contará cunha actuación profesional correrá a cargo dos “QUINQUILLÁNS” coa súa obra “O Mago de Oz”
As entradas terán un custe de 2 € e tamén haberá a posibilidade de quitar bonos para tódalas actuacións por 5 €.
... Non vos perdades a oportunidade de desfrutar ben pretiño do teatro. Teatrofilia 2009 ven cargada de emocións, sorpresas ...
MARATÓN DE FÚTBOL SALA VEREA ´09. VEDRA
DESCARGAR NORMATIVA
DESCARGAR FORMULARIO DE INSCRIPCIÓN
IMPORTANTE: Todo equipo deberá confirmar que realizou o ingreso na conta e ademáis deixar un telefóno de contacto por se fora necesario (non vos esquezades tampouco da folla de incrición.
O correo da Asociación: asociacionverea@gmail.com
6 de janeiro de 2009
II XORNADAS DE FORMACIÓN E MOSTRA AUDIOVISUAL. Vedra
ASOCIACIÓN VEREA. http://www.asociacionverea.org
FORMACCIÓN 09 prantéxase como a consolidación do traballo levado a cabo na anterior edición, mais tamén como unha aposta por afondar no carácter formativo das xornadas e potenciar a súa condición de escaparate de traballos audioviduais producidos en Galiza. As Xornadas constarán de dúas liñas de actividade ben diferenciadas, aínda que complementarias entre sí:
- Mostra de curtametraxes, na que ofreceremos unha serie de traballos que os distintos realizadores de Galiza e doutras partes do Estado están a facer. Nesta edición proxectaranse traballos realizados por algúns dos asistentes ás xornadas anteriores.Outra novidade importante desta edición 09 é que se creará o premio do público á mellor curtametraxe.
- Obradoiros de formación audiovisual, nos que queremos ofrecer unha oportunidade de formación en diferentes aspectos da realización audiovisual, pensados para todos aqueles quen se queira achegar por primeira vez a este mundo.
5 de janeiro de 2009
EXPOSICIÓN OS TEMPOS DE ANTES
A Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir presenta o vindeiro sábado día 3 de Xaneiro as 18:00 h no Centro Cultural de O Picouto do Concello de Ramirás, a Exposición "Os tempos de antes. Fotografías Antigas de Ramirás". Esta permanecerá ata o día 17 de Xaneiro, para que deste xeito todos os veciños do Concello e outros visitantes podan recordar a súa infancia ou xuventude mediante preto dun centenar de fotografías antigas recollidas no propio Concello e na Comarca de Celanova.





















